O CONCELLO LAURENTINO TRABALLA XA NA MELLORA DE CANALIZACIÓNS NAS PARROQUIAS E CONFÍA EN PODER COMEZAR AS OBRAS REPARACIÓN DE ESTRADAS E ACCESOS MUNICIPAIS NOS VINDEIROS MESES, GRAZAS A DÚAS SUBVENCIÓNS PROCEDENTES DA XUNTA E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL

O Concello de Lourenzá está a traballar estes días para mellorar o estado de canalización das cunetas nas súas parroquias, previndo así novas inundacións coma as que tiveron lugar o pasado mes de decembro no municipio. Estas obras contan cunha inversión municipal de 7.000 euros e súmanse ás que o Concello pretende levar a cabo nos vindeiros meses para mellorar o estado das súas estradas e accesos a camiños municipais. Eses novos traballos serán posibles grazas a aprobación de dúas subvencións, unha delas procedente do Plan Marco da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, e outra, incluída no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial de Lugo.

Tal e coma explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, “dende hai uns días estamos a traballar en distintos puntos do concello, facendo taxeas, retirando desprendementos de terra ou limpando cunetas en puntos concretos; en definitiva, obras consistentes en mellorar a canalización e o fluído das augas pluviais a fin de contribuír na prevención de inundacións en vivendas, tales como na Igrexa de San Adriano, onde onte mesmo se remataba a obra. Pero tamén está previsto actuar en Adellao, na Tilleira ou en Sendín. Estas obras requiren un gasto por parte do Concello de aproximadamente 7.000 euros. Por outra banda, estamos estudando actuar no rasanteo e limpeza de cunetas en varias pistas municipais cun montante algo superior ao anterior, e co que se actuará en Pousada, na Chiela, na Pena, na Veiga, de San Adriano; e en Canedo, de Santo Tomé. Estas obras estamos obrigados a facelas porque quedaron intransitables as pistas despois das choivas do pasado 3 de decembro”.

A rexedora municipal laurentina explicou que “como consecuencia destas choivas tamén temos pendente de arranxo, aínda que son obras que están comprometidas coa Consellería de Medio Rural, a ponte de Gallardo, na Veiga de San Adriano; a ponte do rego de Alvarón, en Santo Tomé; a pista das Murias, en San Adriano; a da Chousa, en San Xorxe; e a de Combre, en Santo Tomé, así coma a reposición con escollera da subida á Tilleira, no Paseo do Colesterol, e o muro que derrubou a barrincada cando caeu. Ademais, dende Augas de Galicia, unha vez que se inicien os traballos de limpeza do río, que será posiblemente no mes que ven, repararán o firme da ponte do Seixo e colocarán as varandas que levou a corrente producida polas choivas do pasado día 3 de decembro. A esta inversión con fondos propios hai que sumarlle os preto de 19.000 euros que o Concello ten que poñer para as obras de reposición e bacheo de estradas municipais. Con cargo ao Plan Marco, no que a Xunta inviste aproximadamente 88.000 euros no noso concello, arranxaremos accesos a Recimil, a Condemiña dende a estrada de Trabada, a San Lourenzo, á Veliña, tamén en San Lourenzo, o acceso a igrexa de San Xorxe, a estrada do Pontigo e do Cristo, en Santo Tomé, a reparación da estrada que dende Canedo vai a San Marcos e os accesos a Redondelo e a Lavandeira de Abaixo, en San Adriano”.

A rexedora municipal comentou ademais que “tamén acaba de saír o Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo, para o cal o Concello ten que aportar a metade, en torno a uns 13.000 euros. Con cargo a esta subvención temos pensado arranxar os accesos a Oural, en Santo Tomé, e a Tiagonce, entre outros. A inversión que facemos nestas obras de mellora da rede viaria é moi importante para un concello pequeno como Lourenzá; con todo e iso somos conscientes de que non chegamos a cubrir todas as necesidades, sobre todo no accesos a montes para os cales é a miña obriga pedir a colaboración dos madeireiros que están a facer a extracción da madeira nos montes do municipio”.

O CONCELLO LAURENTINO TRABALLA XA NA MELLORA DE CANALIZACIÓNS NAS PARROQUIAS E CONFÍA EN PODER COMEZAR AS OBRAS REPARACIÓN DE ESTRADAS E ACCESOS MUNICIPAIS NOS VINDEIROS MESES, GRAZAS A DÚAS SUBVENCIÓNS PROCEDENTES DA XUNTA E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL