O CONCELLO TEN ABERTO ATA O MÉRCORES 17 DE SETEMBRO O PRAZO DE MATRÍCULA EN TRES CURSOS: DE INFORMÁTICA, DE MANIPULACIÓN DE PRODUTOS FITOSANITARIOS E DE BAILES DE SALÓN

Lourenzá, 11 de setembro de 2014. Os veciños de Lourenzá poden apuntarse ata o vindeiro mércores 17 de setembro en calquera dos tres cursos que oferta o Concello para a vindeira tempada. O primeiro deles está destinado a aquelas persoas inscritas no réxime agrario, aos seus familiares, ou a desempregados que desexen mellorar os seus coñecementos en materia de informática. O segundo tamén ten carácter formativo e está dirixido ás persoas que formen parte destes tres mesmos colectivos e queiran formarse na manipulación de produtos fitosanitarios. 

A terceira actividade, ó contrario que as dúas anteriores, non ten carácter gratuíto e cumpre unha función lúdica. Trátase dun curso de baile de salón a nivel básico, tanto para maiores coma para nenos de máis de 3 anos. Tal e como explicou a alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, estas actividades levaranse a cabo sempre e cando se conte cun número mínimo de 15 inscricións. Os interesados poden facer efectivas as súas matrículas na Oficina Técnica de Emprego do Concello, ou recibir información no teléfono 982.12.10.06.  

A rexedora municipal anunciou que “a día de hoxe temos aberto o prazo no Concello de Lourenzá para anotarse en dous cursos de formación e un lúdico. Os de formación son de informática, que terá unha duración de 30 horas, e de aplicador manipulador de produtos fitosanitarios, que terá unha duración de 25 horas. Ambos cursos van dirixidos a aquelas persoas que estean en réxime especial agrario e ós conxugues ou fillos destes e a desempregados.  A data límite para anotarse é o próximo mércores, 17 de setembro, e hai que dicir que estes cursos só se farán no caso de que haxa un mínimo de 15 persoas interesadas. Tamén queremos aclarar que estes cursos terán carácter gratuíto”.

Emma Álvarez engadiu que “tamén mantemos aberto o prazo para inscribirse no curso de baile de salón que o Concello de Lourenzá pon en marcha en colaboración coa escola de baile deportivo e de salón Goldance. O curso levarase a cabo un día a semana nas dependencias do Concello e versará sobre clases de baile de festa e de salón, que serán impartidas por profesores titulados na máxima categoría que existe en baile deportivo. Tamén teñen intención de dar clases de baile a nenos a partir de 3 anos, sempre e cando haxa xente interesada. Para anotarse a este curso tamén está aberto o prazo ata o mércores 17 de setembro, aínda que neste caso a actividade si terá un custe que deberán asumir directamente os interesados coa escola de baile”.

O CONCELLO TEN ABERTO ATA O MÉRCORES 17 DE SETEMBRO O PRAZO DE MATRÍCULA EN TRES CURSOS: DE INFORMÁTICA, DE MANIPULACIÓN DE PRODUTOS FITOSANITARIOS E DE BAILES DE SALÓN